Seguindo ao corazón


Durante moito tempo comporteime como esta xirafa. O meu corazón dicía unha cousa e a miña cabeza outra. Fai moito tempo que non sinto nada, fai moito tempo que a miña cabeza tiña que ter escoitado ao meu corazón. Despois de oito anos consecutivos no mesmo centro, estou a piques de materializar algo que xa revoloteaba polo meu maxín: marcharme e comezar de novo noutro destino.

Cando cheguei de Madrid a Ortigueira non tiña ningunha expectativa sobre o tempo que ía botar. Non pensaba en estar uns anos e marchar, nin quedar ata xubilarme, só pensaba en estar. Pero co tempo comecei a atopar o meu sitio (ou iso cría nese momento). Collín as miñas primeiras coordinacións, as miñas primeiras responsabilidades e comecei a soñar. Comezas ilusionándote con mellorar cousiñas na túa clase e despois no teu ciclo de infantil. Sempre estarei en débeda con Mar e con Susi por creer en mín, por escoitarme, por aceptarme como son e por apoiarme en todos os proxectos que intentei levar a cabo dentro do meu ciclo.

Escoitando isto calquera se preguntará: entón por qué te vas? A resposta é moi doada. Teño unha visión global da educación; non creo só en pequenos proxectos centrados nunha clase, nin nun ciclo. Á larga isto no funciona. Creo en proxectos grandes, en centros que traballen xuntos cara un único obxectivo. Durante moito tempo pensei que o problema deste centro coa súa dirección, estaba na visión educativa, en cómo desenvolver o proxecto educativo do centro. Oito anos despois, con dous sesenios ás costas, sei que o problema é que viaxamos nun barco sen rumbo, navegando nas augas dun  proxecto sen personalidade nin alma e moito menos corazón.

Cando unha persoa está nunha situación de crise, os manuais de supervivencia recomendan moverse. Pararse é morrer, moverse é vida. Estos días no colexio están a ser moi duros para mín.  Síntome como un fillo desagradecido que marcha para non volver. Aínda que eternamente agradecido polo vivido ao carón dos meus campañeir@s, hoxe máis que nunca, necesito ver outras posibilidades, outras formas de facer, sentirme parte dun proxecto por moi pequeno que sexa e non perder a esperanza de que as cousas en educación poden cambiar.

Despois de nove anos de titor, seis coordinacións de ciclo, dous anos de dinamizador TIC, tres no equipo Plambe, catro no consello escolar, dous de dinamizador do grupo de traballo de cooperativo; despois de ver a un equipo de ciclo ao completo comunicarse coas súas familias a través de blogues, despois de   compartir sacho e galletas coas familias que nos axudaron no horto escolar, despois de miles de anécdotas, risas e vivencias que nunca olvidarei… digo adeus a este centro ao que lle desexo de corazón tempos mellores despois destes séculos escuros.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *