A aceleración de procesos na E.I.


Existe unha idea moi enraizada na nosa sociedade: canto antes aprendan os nen@s unha cousa, mellor. Facede a proba, si lle preguntas a calquera nai ou pai, probade cos vosos, a que idade aprendeu a camiñar o seu fillo dirán sobre os nove meses e se lle preguntades a que idade falou,  contestará que sobre os dous anos. Enténdese que un nen@ que camiña e fala pronto demostra maior intelixencia e será un adulto exitoso. Non coñezo ningún estudo que avale esta hipótese por desgracia tan extendida.

Por qué sucede isto? porque vivimos nunha sociedade competitiva, rexida polos mercados e porque seguimos sendo participes dunha escola non inclusiva que premia aos rápidos e aos individualistas. Un modelo obsoleto concebido na revolución industrial para desenvolver traballadores para as fábricas. Traballadores acostumados á disciplina, rápidos, que non perdan o tempo e que executen o que se lles manda sen pensar. A quen pensades que beneficia este tipo de escola?

Existe unha obsesión por estimular o cerebro infantil dende a máis tenra infancia. Mais tamén existen moitos autores que denuncian e avisan dos perigos desta estimulación temperá pola ameaza de erosionar aspectos da infancia importantes para o desenvolvemento social, emocional e cognitivo. Aínda que adiantemos os aprendizaxes no tempo, non conseguiremos mellores resultados a medio e longo prazo. En educación, antes non sempre é mellor xa que temos que respectar o tempo axeitado para cada ser humano e para cada aprendizaxe. A educación lenta defende que un aprendizaxe non dura quince días, como a meirande parte dos temas dos libros, senón que dura o que teña que durar.

Na etapa da educación infantil (0-6 anos) existen moitos exemplos, pero hai dúas aprendizaxes moi significativas neste tema: camiñar e o aprendizaxe da lectoescritura. Voume centrar no segundo xa que é un dos temas que máis me frustra da miña profesión. Ano tras ano, curso tras curso, escoito familias e o que é peor, compañeir@s que critican que os peques de infantil non pasen a primaria sabendo ler e escribir. É curioso, que o propio currículo da etapa fale de inciación á lectoescritura pero todos nos empeñemos en acelerar algo que poderían aprender máis tarde, cando corresponde, que é en primaria, sen tanto esforzo como cando están en infantil.

Por qué digo frustrante? Porque promoción tras promoción vexo nen@s de cinco anos que pasan a primaria sabendo ler e escribir, moitos deles realizando un gran esforzo, e pasados os anos e facéndolles un seguimento, non detecto nada extraordinario neles. Ano tras ano, vexo aos compañeiros destes últimos, que pasan sabendo moitas cousas sobre a lectoescritura, cousas que a sociedade e as súas propias familias non consideran realmente saber ler e escribir. É por esta razón que pasan agotados emocionalmente e frustrados, porque se lles pide algo que non son capaces de facer nese momento que os seus maiores consideran, O MOMENTO. Non é difícil poñerse non seu lugar. Todos algunha vez na vida escoitamos xente dicirnos: A ver cando buscas moza que vas quedar para vestir santos. Aínda vives cos teus pais? Non tes fillos? Váiseche pasar o arroz!!!

En Finlandia comezan a aprendizaxe da lectura e da escritura aos sete anos e non por iso teñen máis dificultades. En Alemania pasa o mesmo. A pedagoxía Waldorf, da que existen escolas en España, temos unha en Lugo, defende a idea de non malgastar a enerxía dos nen@s en aprendizaxes que obterán dun xeito máis cómodo e sinxelo si agardas o tempo axeitado.

David Elkind autor de “La educación errónea” formulou por primeira vez en norteamérica a finais dos anos setenta o concepto de “niño acelarado o apresurado”. Froito dunha sociedade competitiva, a escola aplica medidas compensatorias para algúns alumn@s cunha situación atrasada. Para Elkind, aplicar este tipo de programas provoca en todos os nen@s, non só nos que necesitan unha actuación compensatoria, cadros de ansiedade e menor creatividade.

“Dar tiempo a los niños sin anticipaciones innecesarias significa saber esperarles allí donde se encuentran en su forma de aprender. Existe un verbo en castellano, tal vez en desuso, que define muy bien este asunto: “aguardar”. Aguardar significa esperar con esperanza a alguien; dar tiempo o espera a alguien mientras se mira lo que hace, con respeto, aprecio o estima… ver la infancia como quien lo espera todo sin esperar nada.”
(Alfredo Hoyuelos, Ritmos infantiles [a Cabanellas, I. y otros, 2007])

É importante falar desto nos colexios, coas familias e cos compañeir@s. Convencernos de que estamos no certo. Temos que intentar frear o ritmo brutal ao que están sometidos os nosos peques. Non falo de non traballar nada de lectoescritura pero sí de, elixas o método que elixas, respectes o ritmo do teu alumn@ e defendas os seus progresos, por pequechos que sexan, diante das súas familias presionadas porque o fill@ do seu veciño que vai na mesma clase, xa sabe ler e escribir. AGUARDAR, agardar con esperanza, dar tempo con respecto e estima. Ver aos nosos nen@s como quen o espera todo sen esperar nada.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *