Creando cos Story Cubes 2


el

Vouvos contar un segredo. Leva pasando unhas semanas. Penso que os meus peques e mais eu temos unha gran adicción, estamos “enganchados” a un xogo: Story Cubes. Coñecédelos? Son soamente nove dados de cor branca. Por cada dado seis lados onde atopades un debuxo. A idea é lanzar os dados e crear unha historia con eles.

índice

Coñecinos por primeira vez nunha formación que impartiu o meu amigo Iago Cadarso. Contounos moitas cousas xeniais sobre cooperativo e entre elas estaban as actividades cos Story Cubes. Pasadas unhas semanas atopeinos nunha librería fantástica que hai en Lugo e en Coruña: O faro dos tres mundos. Abrín a caixiña na casa e sen querelo púxenme a xogar. Ensineillo a Noa (a miña muller) e sen querelo xogamos varias partidas despois do xantar. O fin de semana leveinos a unha cea cuns amigos e foi todo un éxito e unha auténtica diversión. É por iso, que hoxe quero falarvos deles no meu blogue e contarvos o que estamos a facer os meus pícaros e máis eu con eles.

f

O primeiro día xogamos unhas partidas na asemblea. O encargad@ lanza os dados e por quendas imos creando a historia. Cada nen@ colle un dado e continúa a historia do anterior. Díxenlles aos peques que se querían xogar outro día atoparían o material no recuncho de letras. Foi tal o éxito que merquei outra caixiña para que puidesen xogar máis nen@s.

1

Outra das aplicacións que lles dou é para traballar lectoescritura. O encargad@ lanza os dados. O profe os debuxa nuns cadros e fotocopiámolo para cada equipo de cooperativo.

4

Deste xeito, cada equipo manexa unha soa ficha onde pegará a súa propia historia na orde que decidan e logo escribirán a historia seguindo os debuxos. Sería un “DOBLE FOLIO XIRATORIO” 😉 : primeiro para pegar os cadros inventando a historia e logo para escribir. Estou moi contento cos resultados. Estiveron moi metidos na actividade e foron moi autónom@s.

5

No folio xiratorio os nen@s realizan unha actividade por quendas pero implicados en todo momento. Como vedes na foto, un neno escribe a súa parte mentras o resto de compañeir@s lle axudan. As melloras en lectoescritura son asombrosas grazas ao que Vigotsky chamou ZONA DE DESENVOLVEMENTO PRÓXIMO E POTENCIAL. A axuda entre eles é máis eficaz, a nosa labor deberá ser polo tanto dinamizar e potenciar estas interaccións que son posibles grazas ao traballo cooperativo.

Aquí podedes ver o traballo de cada equipo. Mesmos dados, historias diferentes.

7

8

9

Outra das aplicacións que teñen para mín os Story Cubes é á hora de avaliar o nivel lectoescritor dos meus peques. A miña compañeira Mª del Mar coa que aprendín moitísimas cousas transmitiume o costume de “pasarlles” unha probiña aos nen@s cada trimestre para coñecer o seu nivel e a etapa na que se atopan. Esta proba consiste en pedirlles que escriban palabras: dunha sílaba, de duas, de tres, de catro e unha frase. Este ano teño nen@s que escriben xa moi ben así que o que fago é pedirlles que lancen tres dados e escriban unha historia.

índice

Proba de lectoescritura con Story Cubes

Probádeos!!!!Son xeniais!!!! e se xa o facedes e vos apetece, compartide as ideas que tedes, escribindo un correo a: basiliosf@gmail.com. A semana que ven contareivos máis cousas que fago cos Story cubes.


Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 Comentarios en “Creando cos Story Cubes