Rematando ciclo


20160428_111434

Levo un par de semanas nervioso e un chisco metido en mín. Acércase o momento e aínda que xa o vivín máis veces, ou ao mellor por iso, un sempre desexa que pase pronto. É final de curso e este ano tócame rematar ciclo. Hoxe apetéceme falar do que sinto cada tres anos cando os meus pícaros marchan para primaria.

Cando comezas cun grupiño de nen@s dende os tres anos, asumes un compromiso e unha responsabilidade. Tes por diante tres anos, os expertos dín que dos máis importantes na formación dunha persoa. O vínculo que creas coa clase é moi forte e é que son moitas as horas que pasas ao longo de tres anos xunto a eles. Ao principio, os obxectivos son claros, só pensas en que se atopen ben, non teñan medo e que asistan content@s ao colexio. Acabas de coñecel@s e polo menos eu, necesito certo tempo para crear un vínculo.

Pero pouco a pouco, sen decatarte do feito, comezas a pensar en cada un deles, nos seus problemas, en como axudarlles,  como conectar máis con certo nen@, en conseguir que aquel che fale por primeira vez, en crear conexións. Cando isto sucede, o vínculo creado é difícil de explicar. Non é un flechazo, un namorase pouco a pouco. Cando isto sucede un sinte que a clase é unha prolongación da súa casa, un lugar seguro onde se respiran moitas emocións e onde se crea un ecosistema único. Eres parte dun grupo selecto do que só tí e os teus nen@s formades parte. Día tras día, semana tras semana, mes tras mes, compartindo logros, enfermedades, frustracións, anhelos, enfados, preocupacións, alegrías…

Pero todo ten un fin ou máis ben unha continuidade e pasados tres anos os nen@s de infantil pasan a primaria. E tí, mestre/a, de súpeto deixas de formar parte dese grupo tan especial, deixas de estar no seu día a día e tócache voltar a comezar.

Para mín a estas alturas e despois de tres anos é inevitable non facer unha valoración do meu traballo. Non penso en números, nin en letras nin en nada polo estilo. Penso naqueles obxectivos que me propuxen acadar fai tres anos: axudar a tal neno a ser máis paciente, a outra nena a vencer a súa timidez, a aquel outro a esforzarse máis… Cando rematas o curso de tres anos pensas, para o ano que ven soluciono este problema. Ao rematar catro anos pensas o mesmo pero cando rematas ciclo, o tempo rematou e xa non hai prórroga. Neses intres un asume as súas limitacións, as súas carencias como mestre. Asume que non todo se pode conseguir.

Fai cinco anos, nunha etapa profesional na que non cría no que facía, un mestre xa xubilado me dixo que o noso traballo é moi parecido ao dun xardiñeir@. Un bo día entréganche unhas sementes para que as coides. Preparas o terreo, o abonas e o libras de pedras. Despois sementas e tes coidado de facelo o mellor posible. As regas e as separas das malas herbas, a cada unha a tratas diferente. Unhas necesitan titores para crecer recto e outras crecen sen eles.Unhas moita auga e outras pouca. Co tempo algunhas destas sementes lógranse e outras non. A meteoroloxía, as alimañas, o vento, unha treboada, a auga interveñen tamén no proceso. Os mestre/as temos que asumir as nosas limitacións aínda que nos coste a algúns, xa que non somos os únicos na ecuación.

Espero ter sido bo xardiñeiro estes últimos tres anos. Non penso vivir con tristeza estes últimos seis días cos meus  14 nen@s. Non é unha mágoa que isto remate, senón unha sorte poder vivilo.

 

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *