Os equipos de base en cooperativo


vygotsky

Outro dos traballos que me teñen estas semanas moi atarefado é a organización dos equipos de base para a realización das estructuras de cooperativo. Sendo un dos aspectos máis importantes de este tipo de metodoloxía, é necesario meditar ben e analizar como organizar os equipos. Hoxe vouvos falar de cómo organizo os grupos de base e de que criterios sigo para a formación dos mesmos.

Ao comezo do curso, fixen entrevistas individuais con cada familia da miña clase. Fago este tipo de entrevistas ao comezo de tres anos ou como é o caso cando comezo cun grupo novo en catro ou cinco anos. Son citas breves nas que falo coas nais e pais dos pícaros e aprobeito para coñecelos mellor tomando algún dato necesario para comezar o curso. Este ano, con vista á formación dos equipos de base pregunteilles oas peques (tamén veñen á entrevista) o nome dos seus mellores amig@s. Deste xeito, fórmaste unha idea das relacións sociais da clase, conexións entre o alumnado e a posibillidade de nen@s illados. É o que os expertos chaman sociograma.

sociograma

Cun sociograma simple como o da imaxe podedes coñecer que nen@s exercen un rol de liderazgo, que relacións son bidereccionais, cales non ou que nen@s “habitan” na aula como auténticas illas. Polo tanto, un sociograma explora o grao de cohesión e a estructura dun grupo e sinala a posición que ocupa cada nen@ dentro del.

Aos datos tomados nas entrevistas sumeilles toda a información que vou recollendo non só coa observación diaria senón tamén a través das dinámicas de cohesión grupal que vou facendo cada semana dende que comezou o curso. En especial, a pelota e a tea de araña (se premedes nos enlaces poderedes ver algúns exemplos). O traballo coas dinámicas non se debe deixar ao azar. É importante planificalas dentro da programación semanal para que sexan máis eficaces. A cohesión do grupo é algo que debemos fomentar todo o curso.

Toda a información recompilada nas entrevistas, na observación directa e nas dinámicas de cohesión é clave para a formación dos equipos que posteriormente realizarán as actividades cooperativas.

PERO? QUÉ SON EXACTAMENTE OS EQUIPOS DE BASE?

Os equipos de aprendizaxe cooperativo están formados por tres ou catro nen@s (hai expertos que tamén falan de equipos de cinco).  A composición dos equipos é heteroxénea (en xénero, etnia, intereses, capacidades, motivación, rendemento, autonomía…). Cada equipo debería reproducir as características de todo o grupo clase. Polo tanto cada equipo constará de:

  • Un nen@ con capacidade-rendemento-autonomía-intereses-motivación dun nivel alto nestos aspectos con relación ao colectivo.
  • Dous nen@s dun nivel mediano.
  • Un cuarto nen@ cun nivel máis baixo.

Para asegurar a necesaria heteroxeneidade é o mestre/a o que situa aos nen@s nos diferentes equipos, tendo en conta, as súas preferencias e posibles incompatibilidades. Aquí é onde entran os datos recollidos anteriormente nas entrevistas e no sociograma. Eu sigo o sistema que me ensinaron na formación coa Universidade de Vic. Elaboro un cadro onde se colocan os nen@s da clase en tres columnas. Divido o número de nen@s da clase entre catro (número de integrantes dos equipos). Se a división non é exacta, entón combinamos con equipos de tres nen@s. Póñovos uns exemplos segundo o número de nen@s da clase:

  • 25 NEN@S: 4 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 3 EQUIPOS DE TRES.
  • 24 NEN@S: 6 EQUIPOS DE CATRO NEN@S.
  • 23 NEN@S: 5 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 1 EQUIPO DE TRES.
  • 22 NEN@S: 4 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 2 EQUIPOS DE TRES.
  • 21 NEN@S: 3 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 3 EQUIPOS DE TRES.
  • 20 NEN@S: 5 EQUIPOS DE CATRO NEN@S.
  • 19 NEN@S: 4 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 1 EQUIPO DE TRES.
  • 18 NEN@S: 3 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 2 EQUIPOS DE TRES.
  • 17 NEN@S: 2 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 3 EQUIPO DE TRES.
  • 16 NEN@S: 4 EQUIPOS DE CATRO NEN@S.
  • 15 NEN@S: 3 EQUIPOS DE CATRO NEN@S E 1 EQUIPO DE TRES.

Na columna dun extremo coloco aos nen@s que son máis capaces de axudar (non necesariamente os que teñan un rendemento máis alto), están máis motivados e son máis capaces de ilusionar e de animar aos demáis, de tirar do equipo. Na columna do outro extremo, coloco aos nen@s máis «necesitados» de axuda, menos autónomos e menos motivados. Por último, na columna do centro coloco ao resto de nen@s. Os equipos fórmanse cun alumn@ da primeira columna, dous da columna do centro e un da terceira columna, procurando o equilibrio entre o resto de variables: xénero, etnia, etc.

equipos_base

Cadro atopado no libro: “Cooperar para Aprender. Aprender a Cooperar” de Pujolás, Lago e equipo.

O grupo queda distribuído nun determinado número de equipos de composición heteroxénea, que é a máis axeitada para aprender algo novo: o mestre/a ensina algo ou o grupo clase investiga algo realizando un proxecto de traballo. No momento de realizar as actividades propostas, en cada equipo hai algún nen@ máis capaz e máis motivad@, ou que estivo máis atent@, que explica ao resto dos compañeir@s do seu equipo.

equipos2

Cadro atopado no libro: “Cooperar para Aprender. Aprender a Cooperar” de Pujolás, Lago e equipo.

Uns equipos funcionan mellor que outros, pero todos teñen moito que aprender. Co tempo, organízanse mellor e vanse  consolidando como equipos. A mellora está na interacción diaria entre os peques.

 

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *