As novas masculinidades


masculino1

Fai un par de semanas celebrouse o Día contra a Violencia de Xénero. Escribín dúas entradas sobre o tema. Na primeira compartín con vós un vídeo de Reshma Saujani, fundadora da ONG “Girls who Code” (PREME AQUÍ) que propón ensinar valentía ás nenas en troques de perfección, coa idea de se atopar cómodas dentro da propia imperfección humana. Na segunda entrada, fixen unha compilación de contos para traballar a coeducación. Rematei o último post cunha reflexión: “A igualdade entre ambos sexos pasa por empoderar ás nenas pero tamén por permitir e ensinar unha nova masculinidade aos nenos, futuros homes que respectarán ás mulleres e criarán en igualdade aos seus fill@s. Para cando contos de príncipes que teñen medo de morrer nas garras do dragón ou de nenos que non queren xogar ao fútbol?”

Non creo que haxa homes novos. Sempre existiron pero pasaron desapercibidos. Mais sí que é certo que agora afloran outros xeitos de ser home. Pero que queren dicir cando falan de novas masculinidades? Están a falar do que significa “ser home”. Como docentes temos que ter en conta que os nosos nenos varóns son educados en moitos casos nun contexto de desigualdade onde o seu papel é o de ser fortes, valentes, violentos e autoritarios. Crecendo coa presión de que algún día manterán e dirixirán unha familia…ignorando polo camiño todo o que culturalmente está asociado á feminidade. O resultado, perpetuar a orde social en base a relacións de poder non igualitarias que garanten a posición social dominante dos homes e a posición social subordinada das mulleres.

hombre

Despois da compilación de contos para traballar a coeducación quedeime coa idea na cabeza. A verdade é que ata ese momento nunca me decatara desta cuestión. Non coñecía ningún conto no que se tratase o tema da coeducación dende outra perspectiva, a masculina.  Despois de buscar pola rede títulos con esta característica, abandonei a búsqueda. Pero un día, lendo sobre novas masculinidades atopei esta xoia: “TIPOS DUROS (También tienen sentimientos)” escrito e ilustrado por Keith Negley e publicado pola Editorial Impedimenta. Merqueino por internet e aos dous días xa o tiña. É simple e directo. Un conto breve para comezar unha conversa cos peques. Creédeme cando vos digo que moitos dos vosos nenos veranse identificados en moitas das súas páxinas e que as nenas aprenderán a valorar outro tipo de homes. Varóns fortes, pero tamén sensibles, con medos, emocións e frustracións. Homes valentes que non teñen medo a enfrentarse á vida pero tampouco a expresar as súas emocións ou a dicir “Quérote”. Un conto imprescindible que non debería faltar nas nosas clases.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *