O traballo por recunchos


plano_aula-768x533

O traballo por recunchos é un xeito de organizar a aula en espazos delimitados onde os nen@s xogan individualmente ou en pequenos grupos, realizando actividades de aprendizaxe dun xeito simultáneo. O traballo por recunchos responde á necesidade de atender ás diferencias, intereses e ritmos dos máis pequenos do cole.

Este tipo de organización da aula potencia a necesidade intrínseca e o desexo de aprender dos nen@s. Desenvolve as gañas de investigar e favorece a utilización de diferentes técnicas e estratexias de aprendizaxe. Ademais favorece a autonomía, axuda ao nen@ a ser máis responsable co material e aprende a organizarse e a planificar o seu traballo.

Penso que non me quedo curto, se digo que máis dun noventa por cento do profesorado de educación infantil temos a aula organizada por recunchos pero,  plantexamos ben os recunchos ou son un lugar onde “mandar” aos nen@s despois de rematar as fichas?

Claves para a organización dos recunchos:

  1. Espazo fixo, delimitado e doado de recoñecer cun cartel ou rótulo que o identifica.
  2. Posúe un material específico, colocado sempre no mesmo sitio.
  3. O tempo de duración da sesión vai da media hora á hora e media, segundo a idade dos nen@s.
  4. A cantidade de recunchos: oscilará entre 5 ou 6.
  5. A cada recuncho poderán acudir un mínimo de 2, un máximo de 5 nen@s.
  6. Debemos planificar 4 ou 5 espazos máis do número de nen@s da clase. Se temos 20 pícaros, planificaremos 25 espazos para que podan elixir.
  7. Cada recuncho terá 5 ou 6 propostas de actividade.
  8. Dos cinco-seis recunchos da clase combinaremos os que poidan funcionar dun xeito autónomo cos que requiran máis presencia da mestra.
  9. Cambiamos as propostas  1 vez ao mes.
  10. Utilizaremos a asemblea para presentar as novas actividades.

A elección do recuncho:

Existen moitos factores que determinan este momento, como a idade dos nen@s, pero para manter a esencia deste tipo de organización da aula, a elección debe ser libre. Liberdade pero cunha serie de condicionantes que garantan o benestar da clase e bo uso dos recunchos:

  1. Ao longo da semana o nen@ ten que pasar por todos os recunchos.
  2. Facer un mínimo de actividades ou propostas que atopará no recuncho.
  3. Chegados a este punto a mestra/e decidirá entre estas dúas opcións:
    1. A) Non trocar de recuncho en toda a sesión.
    2. B) Trocar de recuncho ao rematar polo menos unha das acitividades propostas.
  4. Por suposto, a limitación de espazos en cada recuncho delimita si podemos traballar nun novo recanto. Si hai sitio podo ir, senón teño que agardar.  A meirande parte dos profes utilizamos tarxetas plastificadas con velcro.

Para facer o seguimento semanal do alumnado nos recunchos moitas profes utilizan cadros de dobre entrada nos que anotar o paso polos recantos (os nen@s de cinco anos poden cubrilo sós).

PREPARACIÓN DAS PROPOSTAS DE ACTIVIDADE:

Á vista está que poñer en marcha todo o sistema de recunchos e preparar as propostas de actividades leva tempo, pero coido que merece a pena pola eficacia deste xeito de traballar. Algunhas ideas xerais e trucos:

  1. Hai recantos que son doados de preparar e o traballo é máis autónomo: CONSTRUCCIÓNS E XOGO SIMBÓLICO son dous exemplos. Aínda que se lles pode sacar moito partido, e debemos trocalos de vez en cando. Penso que tod@s temos moi claro que ofrecer aos nen@s.
  2. Outros recantos son máis difíciles: LÓXICA MATEMÁTICA OU PUZZLES (preme), OU O DE LETRAS (preme), son claros exemplos. Unha boa idea que probei fai anos cunha paralela de nivel foi encargarse cada un dun recuncho e preparar as mesmas propostas de actividades e materiais para as dúas clases. Eu preparaba mates e ela letras.
  3. Ao recuncho de PLÁSTICA debemos sacarlle máis partido e ofrecer unha gran variedade de materiais. Se tedes problemas de espazo trocar as opcións e os materiais máis a miudo. A creatividade é o obxectivo máis importante deste recuncho. De seguido, déixovos un enlace ao blogue da miña amiga BEA PERMUY (PREME), mestra de educación infantil nas Pontes que o explica mellor ca mín.
  4. Ideas para o recuncho de EXPERIMENTOS (preme)

Cada un de nós ten un xeito de organizar os recunchos pero de ningún xeito son un lugar onde xogan os “nen@s aplicados” que rematan antes as fichas.

“En infantil os nen@s só van a xogar!!!!!” Moitas das nosas familias teñen esta idea, a súa colaboración é fundamental para o noso traballo, por iso eu penso que os docentes desta etapa temos que facer un esforzo á hora de defender e explicar o noso traballo, co obxectivo de atopar o respaldo das familias dos nosos alumn@s. O traballo por recunchos é un exemplo de cómo utilizando o xogo, motor do desenvolvemento infantil, podemos favorecer un sinfín de aprendizaxes en ámbitos moi diversos.

Ao principio desta entrada dixen RECUNCHOS = INFANTIL . Son posibles os recunchos en primaria???? Non só son posibles, son unha realidade e cada vez máis compañeir@s de primeiro ciclo de primaria utilizan nalgún momento do día ou da semana o xogo por recunchos.

1

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *