Creando conciencia mariña


O curso pasado coñecín o proxecto “Mensaje en una botella” promovido por Sea Change (preme). A nivel persoal manteño un compromiso co medioambiente en diferentes ámbitos da miña vida e como mestre, creo nunha escola empática co planeta, nunha escola como motor do cambio climático. Xa sei que é moito dicir, pero a vida é un soño e sen soños eu non sei vivir.

Alá polo mes de xuño, o claustro do Ceip de Covas, decidimos implicarnos e participar neste proxecto. Non quixemos facelo sós, así que paralelamente enviamos un correo a moitos colexios da nosa zona de “influencia”, dende as Pontes ata Foz, dándolles a coñecer este proxecto coa idea de facer unha ruta que cubrise a zona do Ortegal e da Mariña.

O obxectivo inicial cecais foi demasiado ambicioso. Pero grazas ao esforzo de moit@s, a botella pasará por catro colexios da lista inicial, parece pouco, pero son moitos os nen@s que poderán vivir esta experiencia:

  1. CEIP A Madalena (As Pontes)
  2. CEIP José María Lage (Ortigueira)
  3. CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo, Viveiro)

Formamos parte da RUTA DEL CANTÁBRICO ESTE que comezou o 6 de outubro en: Aztertu Programa (Eusko Jaurlaritza-Gobierno Vasco) recorrendo os seguintes colexios:

-Colegio San José Maristak

-CEIP Plurilingüe de Covas V

-CEIP Plurilingüe Santa Rita V

-CEIP A Magdalena V

-CEIP José María Lage de Ortigueira V

-IES Neira Vilas

-EEI de Barrionovo

Fai unhas semanas que recibimos o correo de Alba, coordinadora do proxecto, concretando os últimos detalles. O día 17 de outubro a “botella da esperanza” como lle chamo eu, chegará ao meu colexio. Dentro da botella, unha mensaxe de alarma e á vez de esperanza, pola oportunidade de realizar cambios nas nosas vidas, cambios que poderían mellorar as cousas. No colexio de Covas as clases poderán implicarse nos seguintes retos:

*1. Separar plástico, papel e orgánico

*2. Colaborar na recollida de residuos orgánicos.

*3. Participar nun obradoiro para a creación de portabocadillos ou utilizar fiambreras o tuppers para levar a merenda.

*4. Participar nunha recollida de lixo na praia.

Comecei a escribir esta entrada fai unha semana. Hoxe remato e perfilo os pequenos detalles despois do fin de semana máis devastador que se recorda na nosa terra. Despois de meses de sequía e moita calor, despois dun sábado tórrido, pasou o inevitable ou cecais foron as mellores condicións para que sucedese o que ocurriu, ver como gran parte do noso monte foi calcinado. De pouco lles serve aos nosos nen@s aprender as letras ou os números se nuns anos quedan sen planeta onde vivir. A escola máis que nunca debe ser motor do cambio, inculcando hábitos saudables e sostibles.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *