O patio do meu cole é particular 1


Parezo Camacho de pequeno. Por certo, que pelazo tiña con seis anos!!!!

Penso que a única cousa que me gustaba da escola era o momento do recreo. Como se vivise tres horas nunha olla a presión, saía desbocado e facía o que máis me gustaba, xogar ao fútbol. Se analizo a miña bioloxía, o meu excedente de enerxía diario, diría que son un ser humano que pensa mellor cando está en movemento. Por sorte, Howard Garnert explicou na sua teoría das intelixencias múltiples e deu sentido e lugar ás persoas coma mín. Eu adoraba o fútbol e o patio da miña escola era feudo dos futbolistas.

Dese momento pasaron máis de vinte anos, falo da E.X.B, parece que falo da prehistoria.

 

Todo o patio estaba percorrido por nenos varóns perseguindo unha pelota, de fútbol ou de baloncesto, ocupando o centro do espazo do patio, buscando un único obxectivo, meter gol ou canasta.

A normativa en materia de construccións escolares dí

que todo patio terá sempre unha pista polideportiva, “de 32 x 44 metros, que permita o debuxo de duas canchas de baloncesto e unha de fútbol na mesma superficie, incluindo dúas porterías e catro canastas”.

Leva vixente moitos anos, unha normativa que ignora a existencia de moitos nenos e nenas que non queren xogar ao fútbol nin ao baloncesto e que son exiliad@s ás fronteiras dos patios, arañando un pequeno espazo para outros xeitos de ser e de xogar, á marxe do estipulado por lei. Hoxe quero compartir con todas vos, o que pensamos moito@s profesionais da educación e o que estamos a facer no centro onde traballo, o CEIP Plurilingüe de Covas.

Falei fai uns meses do termo inclusión como concepto teórico da pedagoxía que fai referencia ao modo en que a escola debe respostar á diversidade. O seu suposto básico é o de modificar o sistema escolar para que responda ás necesidades de todos os alumnos, en vez de que sexan eles os que se adapten ao sistema, integrándose a él.

 

Son os nosos patios lugares inclusivos? É o momento do recreo un tempo aberto ás intelixencias múltiples, á diversidade de enerxías, de persoas e de intelectos?

 

No meu centro hai unha pista polideportiva como marca a lei. Cada día da semana xoga un curso do cole. Como o meu colexio é línea un, as veces algún curso invitaba a outro curso a xogar (sempre varóns) orixando desprecios cara outros curso e polo tanto problemas. Por outra banda, o resto do espazo era ocupado por pequenas pachangas “clandestinas” que orixinaban pelotazos no desexados e discusións.

Creouse unha comisión de patio con mestras voluntarias que analizaron a situación e fixeron propostas ao resto do claustro. Estas son as medidas propostas e aprobadas polo mesmo:

1. Cada día un curso xoga na pista de fútbol (sen posibilidade de “invitar” a outros cursos)

2. Só se xoga a fútbol e baloncesto nas zonas habilitadas.

3. Creación de espazos para xogos tradicionais (corda, mariola, goma…) coa inestimable axuda da mestra de educación física.

4. Inicio do programa “Patios activos” coa totalidade do alumnado de quinto (Falareivos outro día desta iniciativa).

5. Creación da “Patrulla verde” integrada por nenos e nenas de todos os cursos de primaria que supervisan o coidado do patio.

Con pouco espazo para a reflexión observanse pequenos cambios:

Service title
Os nenos que usan a pista de fútbol ao non poder invitar a nenos doutros cursos invitan a nenas do seu curso. Comezan a xogar máis nenas ao fútbol.
Service title
As pachangas clandestinas de fútbol convertíronse en partidas de xogos como o brilé que inclue a nenos e a nenas.
Service title
No patio hai máis espazo para outros xogos.

O profesorado do centro está deseñar un patio con máis oferta de actividades e xogos. Máis adiante teredes novas e reportaxe fotográfico.

Pouco a pouco, as escolas estamos a deixar atrais ao deus fútbol e aceptamos a existencia dunha diversidade humana que fai posible e fai grande á escola pública.

  • Non amarás ao fútbol sobre todas as cousas.
  • Entenderás ao fútbol coma un deporte máis.
  • Santificarás a diversidade de intereses.
  • Honrarás por igual a nenos e a nenas.
  • Non matarás a ilusión por sair ao patio.
  • Non pensarás nunca que un xeito de xogar é raro.
  • Non roubarás espazo a uns para quitarllo a outros.
  • Buscarás sempre o xeito de diversificar as posibilidades de xogo.
  • O patio é un momento de lecer pero tamén de empatizar.
  • O recreo será un tempo para tod@s sen distincións de sexo, raza, credo ou intelixencia.

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Un comentario en “O patio do meu cole é particular