Seguindo a proposta dun neno da clase, decidimos “xogar” aos arqueólogos e atopar os restos dun primitivo. Tolos de ledicia puxémonos mans á obra e collimos do laboratorio do colexio un esqueleto tamaño natural para tomalo como referencia.
Despois de varias pescudas na rede, o profe descubriu un sinxelo xeito de facer os ósos con papel de periódico. Vas facendo churritos e despois lle das forma con cinta de carrocero (pintor/a).
Ao día seguinte, cada un dos equipos de cooperativo foi o encargado de realizar algúns ósos: cráneo, húmeros, tibias… pouco a pouco a cousa foi tomando forma.
Outra das cousas que lles gustou moito aos meus peques foi a de medir cunha cinta métrica a lonxitude dos ósos para que o noso primitivo fose proporcionado. Despois anotaron as medidas no encerado. Con esta actividade xurdiron moitas preguntas: como sabemos vendo un esqueleto, si era home ou muller?
Para rematar como se merece este proxecto, este xoves visitará o noso colexio Vanesa Trevín, arqueóloga do noso pobo que dirixirá o campo base de excavacións arqueolóxicas. Para preparar a súa visita e ter o material necesario, agrupámonos en GRUPOS DE COOPERATIVO e realizamos a estructura FOLIO XIRATORIO para a elaboración dunha listaxe das cousas que necesitamos para o obradoiro de arqueoloxía: pinceis, brochas, cordas, bolsas para catalogar, sombreiros de arqueólog@s…