Un dos grandes problemas que atopo no meu traballo é a falta de material didáctico. Algúns centros están ben dotados pero outros son un desastre. No centro onde actualmente traballo só contamos con cen euros por titoría para mercar material (incluído material para os patios). Calquera material decente e duradero, é costoso e os cen euros non chegan a nada. Esta falta de visión educativa á hora de distribuir os orzamentos do centro, unido a que os nen@s de hoxe en día teñen de todo, fan difícil facer atractivo o material da escola e fai imposible dispoñer de material específico para un proxecto que xurda nun intre concreto.
É por todo isto que co tempo, un ten que buscar outras opcións máis baratas e sobretodo que se adapten ao momento e ao nivel que teñen os teus alumn@s nese intre. Como diría a miña sogra “non hai nada mellor que o feito na casa”. Desta volta, preséntovos unha serie de materiais para o recuncho de lóxica matemática: didácticos, que podedes facer na vosa casa e que serán o deleite dos vosos pícar@s. Non me cansarei de dicir que o cambio educativo depende de nós, do profesorado, e que a falta de materiais nas escolas non debe obstaculizar o noso obxectivo de trocar as cousas.
APAGANDO LUMES
É un xogo para traballar a descomposición do número. O nen@ tira un dado (sae o cinco como na imaxe), colle os cinco bombeir@s e os coloca en cada lámina, coa condición de que ten que haber polo menos un bombeir@ en cada lume.
TANGRAN CIRCULAR
O tangran é un xogo chino que consiste en formar figuras con sete pezas dadas sen superpoñelas: cinco triángulos, un cadrado e un romboide. O tangran normalmente é cadrado. Atopei a plantilla na web.
SERIACIÓNS
Na miña clase sempre atoparás estos tres cartafoles. Eu os utilizo para propoñer seriacións e os peques inventan as súas propias series. Formas, números e personaxes infantís son as miñas propostas pero as opcións son moi variadas.
O TETRIS
O peque tira un dado, sae un número (5) e colle unha peza con esa cantidade de puntos, neste caso cinco. Tirada a tirada, vai completando a figura.
MAZOS DE CARTAS
Nunca deben faltar nunha clase de infantil. Gústalles moitísimo e as posibilidades son variadas. Traballan os números, relación cantidade- grafía, contan ao repartir as cartas, conversan ao explicar as normas… Ademáis das cartas de adultos, están as infantiles que propoñen outro tipo de xogos como o que vos explico de seguido.
O UNILLO
Xógase con mazos de cartas de adultos ou infantís como vedes na imaxe. Colócanse encima da mesa os números 1 ou os Ases. Repártense catro cartas por xogador/a e gaña o que quede sen cartas. Con este xogo trabállase a serie numérica. Despois do número un vai o dous e despois do catro o cinco, etc…
SERIE NUMÉRICA ABN
Xa vos falei con máis detalle deste xogo noutra entrada deste blogue. Se premedes AQUÍ podedes atopar toda a información.
Internet está cheo de miles de ideas e propostas interesantes. A vindeira semana falareivos de materiais para o recuncho de lectoescritura.