Hai recunchos que sempre atoparás nunha aula de educación infantil: plástica, puzzles, xogo simbólico… e hai outros recunchos, imprescindibles, que plantexan máis dificultades á hora de organizalos e de realizar propostas de actividades. Un deses recunchos proscritos é o de observación e experimentación. Na miña clase os peques o coñecen como o recuncho de experimentos.
A través del os nen@s desenvolverán o seu sentido da curiosidade e da observación. Isto axudaralles a comprender mellor os fenómenos naturais e físicos. Coa experimentación libre ou coas actividades de aprendizaxe propostas polo profe, os peques aprenderán a deducir, formular hipóteses, prever os resultados, xeneralizar ou simplemente entender o que ocurre ao seu carón.
Coma sempre a meirande parte do material deste recanto será aportado polos nen@s: botes, chaves, vinagre, tapóns… e material cotián que temos nas escolas: clips, regletas, balanzas, xogos de imanes…
Como organizo eu este recuncho? Os nen@s (en parellas, este recuncho na miña clase ten un aforo limitado a dous nen@s) poden acceder libremente ao material, salvo que atopen unha proposta temática: auga, imanes, peso, mesturas, observación de plantas… feita polo profe. Nese caso os peques atoparán xunto co material pertinente un caderno coas actividades propostas. Estes son algúns exemplos:
O libro das mesturas
Os nen@s atopan unha bandexa chea de “sustancias” coñecidas, un caderno de tarefas, un bote cos carnets de investigador/a e unha ficha plastificada onde anotar os resultados. Trátase de mesturar sustancias e observar que é o que ocorre. A primeira vez, eu fago unha pequena explicación na asemblea para todos os peques que soe ser suficiente para o bo funcionamento do recuncho. Recordade!!! Trátase de xerar autonomía, polo que os nen@s visitarán sós este recuncho igual que fan co resto de recantos.
Ao longo da semana tod@s os peques teñen que ir pasando polo recanto de investigación. Cada semana resolverán a proposta de actividade que atoparán no caderno. O primeiro que fan é coller a ficha plastificada e pegar o seu carnet de investigador (velcro). Despois anotan o número do experimento que realizarán e na mesma ficha unha vez realizada a mestura realizan un debuxo co resultado obtido.
De novo é moi importante verbalizar o descuberto. É por iso que temos que buscar un momento ao longo da semana para falar dos resultados deste recuncho.
O libro dos imanes
Esta que vedes aquí é a primeira actividade proposta no caderno de imanes. O procedemento é igual que co libro de mesturas: coller a ficha plastificada e pegar o seu carnet de investigador , anotar o número do experimento e neste caso ensinarlle ao xefe do equipo de experimentación (un servidor) o resultado do experimento.
Nesta ocasión ademáis de mateiral de refugallo que podes atopar na casa e no cole, usei un kit de imanes que teño dende fai tempo. É importante romperse un pouquiño a cabeza para poñer obxectos que provoquen a dúbida nos nen@s: chaves dalgún metal que non se imante, obxectos de plastico que recubren cousas de metal…
O libro do peso
Nesta ocasión trátase de facer propostas para comparar o peso de diferentes obxectos. Utilizando unha pequena balanza educativa cada páxina do caderno vai propoñendo actividades diferentes:
Nesta ocasión na ficha palstificada de investigador/a, os peques non teñen que realizar ningún debuxo, teñen que pegar con velcro os debuxos dos materiais ou sustancias pesadas e usar o símbolos: + – = segundo sexa o caso.
Preparar os cadernos, buscar o material necesario e as fichas de investigador/a leva tempo, pero penso que é o traballo importante que temos que facer. Tardas o mesmo tempo en preparar unhas fichas pero aquí estás potenciando outras capacidades que coa ficha non. Pensádeo un só instante, non creedes que merece a pena o tempo invertido?
Si me toca titoría o próximo curso terei tamén un recanto de experimentación. Este curso tiña previsto crear un pero por falta de espazo non conseguín introducilo na aula, e só facemos actividades no “laboratorio” onde todo infantil temos unhas actividades trimestrais previstas para traballar co aire, a luz, a auga, e o magnetismo.