Ao final chegou o gran día que tanto agardamos os meus peques e mais eu. A celebración das II Xornadas medioambientais de limpeza de praias organizadas pola Fundación Ortegalia. A mañá amenceu radiante e iso animou os corazóns de todos nós. Para mín como mestre era un día fundamental, xa que pechaba, dende o meu punto de vista, este fermoso proxecto de traballo titulado “Protexemos a praia” que iniciamos ao comezo deste terceiro trimestre. Colaborar na limpeza da praia daba sentido a todo o aprendido e ensinou ao meus peques que calquera pequena acción, como recoller unha lata, pode mellorar o noso planeta.
Ás dez mañá comezou a charla que daba comezo ás xornadas. Os meus nen@s e mais eu chegamos un pouquiño antes e collimos asento. Estabamos nervios@s e emocionados á vez. A charla de concienciación foi realizada por Fran Nieto (preme no nome) fotógrafo da natureza, escritor, formador e conferenciante, que dirixiu a revista Naturaleza salvaje. Este gran fotógrafo adaptou o seu discurso para poder chegar a todo o público presente.
Despois de case corenta minutos de charla (os peques portáronse xenial, escoitaron e ata fixeron preguntas) chegou o nosa quenda. Colocámonos diante dos nosos compañeir@s de primaria e dos seus profes, subidiños a un escalón e fixemos unha pequena intervención. Só falaron aqueles nen@s que quixeron. A primeira nena abriu a nosa charla explicando o que estabamos a investigar e o último neno pechouna coa presentación da nosa curtometraxe en Stopmotion titulada “Protexendo a praia”.
Despois do visionado do noso curto que foi moi aplaudido, tocaba pasar á acción e limpar a praia. Baixamos pitando en autobuses e despois de tomar a merenda puxémonos mans á obra. Aos nen@s de cinco anos tocounos a zona esquerda da praia de Morouzos. Ao principio non atopamos gran cousa pero ao final enchemos unha bolsa grande de envases de plástico e redes. Esto foi o máis significativo para os peques.
Quixera darlle as grazas a Marta e Emma da Fundación Ortegalia por darnos a oportunidade de intervir na charla inicial e pola organización do evento, a Fran por saber adaptar o seu discurso aos meus peques e a toda a comunidade educativa polo seu apoio e polas cousas bonitas que tanto eu como os meus nen@s escoitamos estes días.
Mañá prometo subir a nosa curtometraxe a esta páxina.