O Folio Xiratorio (FX) é a estructura que máis utilizo na miña clase. Os meus peques penso que é a que mellor dominan. Cal é a razón? Cecais porque é moi simple e pódese utilizar en moitas situacións. O educador/a asígnalle unha tarefa aos nen@s da clase agrupados en equipos de base (unha listaxe de palabras, a redación dun conto, as cousas que saben dun tema, ideas previas dun proxecto… e un nen@ do equipo comeza a escribir a súa parte ou aportación nun folio «xiratorio».
O mestr@ entrega ao alumnado unha folla, algúns profes utilizan unha plantilla con tres ou catro cadros segundo o número de membros dos equipos. Eu persoalmente utilizo follas en branco. Os equipos teñen que comezar establecendo unhas quendas. Unha vez solucionado este interesante e didáctico paso, comeza o primeir@ nen@, verbaliza o que vai a facer mentras o resto observa ou lle axuda. Despois o segundo alumn@ e así sucesivamente. Un exemplo vale máis que mil palabras: escribir unha lista de cousas que sabemos dos dinosaurios para coñecer as ideas previas antes de comezar un proxecto.
É importante que entendan que cando un nen@ escribe o resto están atent@s e axudan. O profe pouco a pouco ten que dotar aos peques de ferramentas para axudar. Un día axudas tí a un nen@ diante dos demáis. Na seguinte ocasión preguntas: alguén se atreve a axudar como fai o profe???. Co tempo e reforzando positivamente esas conductas, os nen@s comezan a cooperar e a axudarse entre ele/as.
Nestre intre moitos pensaredes que está moi ben para nen@s de cinco anos en adiante polo de escribir. Nada máis lonxe da realidade, a estructura folio xiratorio pódese adaptar e utilizar en moitas actividades cotiás dunha aula de educación infantil:
- Facendo un crebacabezas (cada nen@ coloca unha peza)
- Inventando unha historia cos Story Cubes.
- Construíndo unha torre.
- “Lendo” un conto.
- Facendo calquera fichiña do estilo: busca as diferencias (cada nen@ busca unha)
- Facendo unha seriación (cada nen@ coloca unha das figuras):
Como xa vos dixen noutra ocasión é cuestión de imaxinación e creatividade, adaptar as estructuras cooperativas as nenas e aos nenos de infantil. Canto máis as utilizas, máis ideas van xurdindo. Na parte superior dereita desta web, na pestaña (Traballo cooperativo) podedes ver máis exemplos do uso desta estructura.