Últimamente estou a voltas co enfoque pedagóxico Reggio Emilia, lendo e comprendendo en que consiste e porqué é tan especial. Unha das primeiras cousas que salta á vista é a importancia que lle dan á arte (o mesmo sucede na pedagoxía Waldorf) e a estética dos obxectos, espazos e materiais do centro e da aula. O espazo da aula como terceiro mestre/a.
Como propósito de ano novo decidín avaliar o tipo de material que teño en clase, incrementando o uso do material máis “aberto” “flexible”, é dicir, que permita mil e un usos, que esperte a creatividade dos meus alumn@s.
As escolas Reggio Emilia, reciben material de refugallo do seu entorno. Realizan reunións coas familias e entrevístanse coas empresas da zona na búsqueda de materiais que poidan ser reutilizados na aula. Deste xeito cumpren unha dobre misión: atopar materiais para espertar a creatividade dos nen@s e darlle unha segunda vida a materiais e obxectos que ian ao lixo. É ben certo, que as escolas Reggio contan cun profesional adicado a este tipo de traballo denominad@ atelierista, que é o encargado do Atellier, así que nós temos que facelo a menor escala.
Vendo esta opción tan interesante e factible, un faise dúas preguntas:
Dispoñen os meus nen@s na aula deste tipo de materiais agora mesmo?
A pequena escala coa axuda das familias da miña titoría, que materiais podo conseguir?
Hoxe en día as escolas contamos cun sinfín de materiais educativos de gran calidade, mais penso que debemos facerlle un oco na aula a outro tipo de materiais cunha natureza máis aberta e flexible.
Eu xa comecei, e pouco a pouco, vou enchendo a clase con axuda dos meus pícaros, de materiais interesantes cos que de entrada construímos un castelo dentro do marco do noso proxecto. Durante o proceso de construción, debido ao uso deste tipo de materiais xurdiron múltiples “desviacións” do obxectivo final:
-profe mira que prismáticos fixen.
– para o castelo?
-non pero a que molan?
É o que ten poder traballar con materiais deste tipo. Partindo dun mesmo material, unha nena crea uns prismáticos mentres o neno que está ao seu lado fai unha árbore.